O departamento de Educación do Concello de Ordes pecha este mércores o prazo das Escolas de Veran

O departamento de Educación do Concello de Ordes pecha este mércores o prazo para participar nas escolas de verán

Haberá catro quendas quincenais que se desenvolveran durante os meses de xullo e agosto. Poderán participar os nenos e nenas escolarizados nalgún centro educativo do municipio en educación infantil ou primaria

O próximo mércores rematará o prazo de inscrición para participar nas escolas de verán organizadas polo Concello de Ordes. En total organizaranse catro quendas que se repartirán por quincenas durante os meses de xullo e agosto, cun horario que irá dende as 9 ata as 14 horas. Obradoiros, actividades ao aire libre, excursións, xogos en equipo, deporte, reciclaxe, visitas guiadas etc, formarán parte do programa previsto. Con todo iso o Concello de Ordes quere contribuír á conciliación da vida familiar e laboral durante a época estival, á par que os nenos e nenas participantes se divirten, viven novas experiencias, amplían o seu círculo de amizades e amplían coñecementos.

Poderán asistir aqueles nenos e nenas escolarizados nalgún centro educativo de Ordes nos cursos de educación infantil e primaria. Para anotarse basta con acudir ao departamento de Educación situado no primeiro andar do Concello. Deberán achegar a ficha de inscrición cos datos solicitados, unha fotocopia do DNI do/a menor ou ben do libro de familia e outra da tarxeta sanitaria. En caso de doenza tamén deberá entregar un xustificante médico asinado. Os prezos oscilan entre os 31 e os 124 euros segundo o número de quendas ás que se asista. Ademais as familias numerosas terán unha bonificación do 50%.

Para máis información pode contactarse co teléfono 981 680 002.
 
< Anterior   Seguinte >