Escudo Concello de Ordes

A Mancomunidade de Ordes acorda a solicitude do seu plan concertado para os seus Servizos Sociais
05_abril_2016_pleno_mancomunidade_de_ordes

Demandan á Xunta de Galicia un total de 516.625 € para o seu mantemento e mellora na prestación de servizos á poboación máis necesitada

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acordou no seu pleno e de maneira unánime o plan concertado para o cofinanciamento dos seus Servizos Sociais Básicos e Específicos por un importe de 516.625 €.

O ente supramunicipal solicita a dita cantidade da Xunta de Galicia nas mesmas condicións que en anos anteriores. Co dito importe, entre outras cuestións e funcións, está previsto o incremento de xornada de dúas das técnicas do Servizo de Atención Temperá, as cales pasarán de media a xornada completa. Ademais tamén se pretende incrementar en 15.000 € a partida orzamentaria do programa de emerxencia social destinado ao Concello de Ordes, así como o mantemento do programa de axuda a domicilio dos municipios de Ordes, Frades e Oroso.

O departamento mancomunado dos Servizos Sociais Básicos atendeu ao longo de 2015 a un total de 3.500 persoas, e tramitáronse 970 expedientes. Entre as funcións que se brindan á cidadanía figuran: tarefas de información, orientación e asesoramento; programas de educación familiar e sociocomunitarios; unidades de convivencia; prevención e inserción social; programas de educación e apoio familiar etc. Un amplo abano de servizos desenvolvidos por un total de 13 traballadoras que inclúen: 5 traballadoras sociais, 1 psicóloga, 1 psicopedagoga, 2 logopedistas, 2 educadoras familiares, 1 animadora sociocomunitaria e 1 auxiliar administrativa.

 
< Anterior   Seguinte >