A escola municipal infantil Sorrisos acada o primeiro premio Voz Natura
sorrisos

Os centros de Meixonfrío e Arteixo comparten este galardón. O vindeiro 7 de xuño celebrarase unha gran festa en Acea de Ama, onde se fará entrega dun gran lote de agasallos

A escola municipal infantil Sorrisos vén de acadar o Premio al Mejor Proyecto Infantil de Educación Ambiental Voz Natura. Un galardón repartido cos centros de Meixonfrío (Santiago) e de Arteixo (A Coruña), e no que participaron un total de 370 alumnos e os seus profesores e profesoras.

Con esta iniciativa preténdese que dende ben cedo os nenos e nenas sexan conscientes da importancia da recollida selectiva dos residuos que producen, e tamén a que aprendan a volver a empregar todo tipo de materiais con diversos fins. Trátase dun proceso educativo recíproco ao implicar activamente tamén ás familias, xa que en moitas das actividades son elas as que levan o groso do traballo, á par que reforzan no fogar o que previamente se inculca no centro de ensino.

No caso de Sorrisos, a escola municipal infantil de Ordes, realizáronse divesos traballos con papel, cartón, plásticos e todo tipo de recipientes reciclados. Entre eles sobresae unha grande árbore de papel que a día de hoxe xa decora as súa instalacións.

Como premio os gañadores recibirán un lote de agasallos na gran festa de fin de curso que terá lugar o sábado 7 de xuño no parque Acea de Ama, en Culleredo. Alí levarase a cabo un amplo programa lúdico e deportivo de participación libre.

 
 
< Anterior   Seguinte >