O pleno solicíta a posta en marcha dun plan de apoio a alimentación infantil
27_xuo_2014_pleno_concello_de_ordes_2014__1

O pleno de Ordes solicítalle á Consellería de Educación a posta en marcha dun plan de apoio á alimentación infantil.

Na sesión de onte tamén se aprobou o arranxo e a ampliación de áreas de estacionamento na vila

O pleno do Concello de Ordes acordou onte demandarlle á Consellería de Educación da Xunta de Galicia poñer en marcha de maneira inmediata un plan de apoio á alimentación infantil que conteña as medidas e recursos suficientes para garantir que as familias do municipio con menores ao seu cargo e que se atopen en situación de necesidade poidan cubrir as súas necesidades. O obxectivo é garantir tres comidas diarias e facilitarlles a todas e todos eles o acceso a unha dieta equilibrada que evite problemas de malnutrición. Neste punto a tenente de alcalde, Silvia Marín, puntualizou que dende o departamento de Servizos Sociais do Concello xa se levan a cabo todas as medidas pertinentes para axudar ao maior número de casos. Na moción, presentada polo PSOE, tamén se solicita a inclusión de mecanismos e actuacións para que en breve estean dispoñibles os servizos de comedor infantil dos centros escolares ordenses. Neste punto o PP incidiu na importancia de analizar outras alternativas “que non poidan influír negativamente nos menores”, como poden ser a participación en campamentos. Finalmente os votos de todas as formacións, agás o PP, que se abstivo, sacou a proposta para adiante.

Outro dos acordos alcanzados foi o referente á ampliación de SOGAMA, ante o temor de que converta o de Areosa nun macrovertedoiro, tal e como explicou Xesús Pedreira, voceiro socialista. Algo que negaron taxativamente os populares e que finalmente non convenceron ao resto de grupos, os cales votaron a favor, agás o BNG, que se abstivo.

Por último o PSOE viu prosperar por unanimidade o terceiro dos seus textos, que aludía á reserva do dominio Ordes.gal para as páxinas e plataformas dixitais relacionadas co Concello e os seus organismos e departamentos.

O pleno consenso tamén chegou á hora de votar a única moción presentada polo PP. Nela abordábase o arranxo dalgunhas deficiencias que presentan as áreas de estacionamento habilitadas en distintos lugares do casco urbano, así como a ampliación doutras. Como exemplo cítanse as que están a carón da rúa Compostela, Víctor González Faya e Canteira. Para iso estableceranse negociacións en base a actuacións de mellora do firme ou habilitación de novos terreos ou de accesos cos titulares afectados. Na dita proposta tamén se establece que os titulares de negocios poidan habilitar ou negociar a utilización de áreas destinadas ao estacionamento en terreos da súa propiedade ou cedidos por terceiros. Tales facilidades abranguerán a concesión de licenzas por parte do Concello de Ordes.

 
 
< Anterior   Seguinte >